Saturday 20 de April de 2024

O Concello de Moeche organiza un campamento deportivo para a rapazada durante as vacacións da Semana Santa


En breve comezarán as vacacións da Semana Santa e o Concello de Moeche oferta un ano máis a posibilidade de participar nun campamento deportivo con actividades interesantes e entretidas que se desenvolverán durante os tres primeiros días das vacacións -3, 4, e 5 de abril- entre as 10:00 e as 14:00h. Ofértanse 15 prazas para idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. As inscricións poden formalizarse até o próximo 31 de marzo a través da Sede Electrónica ou entregando a folla de solicitude no propio Concello. A actividade ten un prezo de 20€ (incluída a merenda de media mañá e o seguro), aínda que se establecen descontos e exencións por familia numerosa, se participan varias nenos ou nenas da mesma familia ou se se trata de núcleos con baixos ingresos económicos.

Ademais do obxectivo de ofrecerlles ás nais e pais un servizo de conciliación, o campamento deportivo da Semana Santa procura que a rapazada teña unha opción lúdica e deportiva neses días “sen escola”. A área de Deportes estableceu un programa para as mañás dos días 3, 4 e 5 de abril cun conxunto de actividades relacionadas coa actividade física e o deporte en xeral.

Comezarán ás 10:00h con todo tipo de xogos tradicionais como o tiro da corda, o pano, o brilé, etc., e haberá un tempo de descanso para tomar a merenda (incluída no prezo da actividade). Despois, a partir das 11:45h, iniciarase a parte máis deportiva con fútbol, minibasket, bádminton e outras propostas, que rematarán con propostas algo máis pausadas. Ademais tamén se está xestionando a visita dalgunha persoas de referencia e coñecida na comarca no eido deportivo para que as pequenas e pequenos poidan preguntar e interactuar con ela.

Inscricións
As inscricións xa están abertas cun prezo básico de 20 euros por participante e as exencións e descontos recollidos na ordenanza reguladora das taxas municipais por este tipo de actividades.

Ofrécense un máximo de 15 prazas para rapazada de 4 a 12 anos, dándolle prioridade a aquelas nenas e nenos empadroados en Moeche e, aínda non empadroados, aos alumnos ou ás alumnas do CEIP San Ramón. As solicitudes poden presentarse até o 31 de marzo rexistrándoas na Sede Electrónica en calquera momento ou entregándoas presencialmente no rexistro municipal polas mañás. Para ampliar información poden descargarse os documentos que hai máis abaixo ou contactar co técnico de Deportes, Daniel Feijoo, no 666 488 801